BioReSuS, berce para a excelencia investigadora

A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra impulsa unha escola de verán para universitarios que aspiran a converterse en investigadores.

“Cando entrei no Cactus sentinme como unha nena no día de reis”, afirma Angélica cun intenso brillo nos seus ollos negros. Para esta licenciada en química, nacida en República Dominicana, a Escola de Verán BioReSuS e a súa visita á Unidade de Microscopía Electrónica do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico da USC en Lugo, cambioulle as súas perspectivas profesionais: “conseguen meterche o bicho da investigación. Eu vía a miña carreira como algo moi solitario, pero deime conta de que a investigación é un traballo en equipo e multidisciplinar”.

BioReSuS é a escola de verán para universitarios de grao e máster que a Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes acaba de impulsar en Lugo. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia que busca fomentar a investigación no ámbito da produción primaria sustentable e a seguridade e calidade alimentaria, tal e como afirma a súa coordinadora, a profesora da USC Maribel Quiroga: “BioReSuS pretende  que o seu alumnado coñeza de primeira man exemplos das liñas de investigación que se levan a cabo na nosa agrupación e que descubran tamén o seu impacto científico, social e económico”.

BioReSuS, berce para a excelencia investigadora

Durante a segunda semana de xullo, Lugo converteuse na capital da investigación relativa ao sector primario grazas aos universitarios e universitarias que aterraron no Campus Terra para descubrir como é o día a día dos investigadores. Este é o caso de Irene, quen chegou desde Madrid hai dous anos para estudar Veterinaria en Lugo. Para ela, BioReSuS conformaba todo un enigma por descubrir: “sempre tivera a idea da investigación na miña mente pero nunca me achegaron tanto a ela. Esta semana fíxome darme conta de que a investigación é unha opción de futuro real”.

O alumnado participante puido visitar ao longo dunha semana distintos espazos chave da investigación que se fai en Lugo como o Laboratorio do Peixe Cebra, situado na Facultade de Veterinaria da USC. Este peixe tropical de auga doce, un dos modelos máis usados para a experimentación en xenética e biomedicina pola facilidade no seu manexo e a facilidade de procreación, foi todo un descubrimento para Angélica: “non sabía que o peixe cebra era un animal modelo co que se podían investigar tantas cousas interesantes”. Ademais, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer outros centros como o Instituto de Acuicultura da USC ou o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, situados ambos os dous en Santiago de Compostela.

Conferencias, talleres de investigación, ou o desenvolvemento de proxectos centrados nas liñas estratéxicas de BioReDes nutriron unha semana na que tamén houbo tempo para coñecer o patrimonio da cidade de Lugo a través dunha visita en patinete eléctrico para fomentar o turismo sustentable, excursións ao río Rato e ao mazo de Santa Comba, concursos de debate, ou noites aderezadas con monólogos científicos que demostran que a ciencia tamén pode ser divertida.

BioReSuS, en cuxa segunda edición BioReDes xa está a traballar, culminou cunha Master Class de ‘Ternera Gallega’ sobre cortes singulares e usos culinarios, así como cunha degustación de produtos galegos con indicativo de calidade.

Estamos trabajando para completar la información. Disculpen las molestias.

En cumplimiento con la Ley 34/2002, de Servicios de la Sociedad de la Información, le recordamos que este sitio web utiliza cookies con el fin de mejorar nuestros servicios.

Aceptar Más información